PARTICIPA NA SEMANA DA CIENCIA!!!!

Benqueridas familias:

Dende o Departamento de Ciencias do centro, comprácenos comunicarvos que, en colaboración coa Real Academia Galega da Ciencia, celebraremos a nosa xa tradicional Semana da Ciencia entre o 8 e o 12 de outubro de 2018. O motivo de adiantar a celebración non é outro que sumarnos á conmemoración que a Real Academia da Ciencia fai cada ano o 8 de outubro (día do nacemento do profesor e ensaísta Padre Benito Jerónimo Feijóo Montenegro) a un/unha científico/a galego/a xa finado.

Este ano o homenaxeado é Domingo Fontán, matemático e xeógrafo que elaborou a primeira carta xeométrica da nosa comunidade percorrendo a pé ou en cabalo todo o territorio. Durante as semanas previas á celebración traballaremos en titorías e en varias materias a figura deste científico.

A propia semana das ciencias teremos unha gran cantidade de charlas científicas para o alumnado de todo o colexio, oceanografía, cirurxía, xenética, astronomía, telecomunicacións, medio ambiente, deporte e saúde, nutrición, música, enxeñaría láser… todas elas enfocadas dende unha perspectiva científica.

Unha gran novidade para este ano é que nas tres etapas existentes no centro, as familias poderedes presentar experimentos científicos para expoñer segundo os criterios AQUÍ expostos.  Así mesmo, o centro cursará unha invitación ás familias para asistir á homenaxe que, en Santiago se lle fará ao científico, segundo os criterios AQUÍ establecidos.

Animámosvos a todos e a todas a participar e facer desta semana un pulo no espírito científicos dos vosos fillos e fillas.

Grazas!

O Departamento de Ciencias