Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O pasado luns o noso centro celebrou o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
 
Como centro pioneiro que somos na educación a mulleres e nenas, temos unha especial sensibilidade pola loita por un mundo máis igualitario e xusto entre homes e mulleres. Froito desta sensibilidade naceu esta iniciativa que desenvolvemos conxuntamente coa plataforma 11F, a OIX (Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC) e AMIT (Asociación Española de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas).
 
O proxecto que realizamos foi transversal a todas as etapas educativas do centro. De xeito xeral decoramos os corredores do centro con motivos que aludían á celebración do día, tivemos unha exposición sobre mulleres científicas cedida pola OIX e AMIT e visionamos videos de sensibilización en todas as etapas.
De xeito xa máis específico, en Infantil decoraron os seus corredores con debuxos de científicas ilustres, disfrazáronse de científicos e científicas en prácticas, xogaron a adiviñar se foran mulleres ou homes os que inventaran certos instrumentos moi habituais na nosa vida e tiveron como invitadas especiais a tres nais científicas que viñeron a explicarlles o seu traballo, dende aquí agradecer a súa colaboración a Cecila Trancón, Catuxa Vigo e Carmela Santiago.
 
En Primaria, xogaron tamén a descubrir quén inventou certos aparellos moi habituais no noso día a día, sorprendéndose de que fosen todas mulleres e fixeron por grupos unha investigación e posterior presentación ao resto da clase sobre unha científica de prestixio. Todas as presentacións atópanse agora decorando as aulas.
 
Finalmente en Secundaria tiveron dúas charlas de dúas científicas galegas, María Garrote (Neurobióloga) e Luz Castro (Informática) que lles falaron sobre os seus estudos e o traballo que desenvolven agora mesmo, e tamén tiveron unha titoría centrada en mulleres científicas onde traballaron a biografía de moitas delas.
 
Con todo isto, o centro pretende amosar ao alumnado que o desenvolvemento dunha carreira profesional non depende do xénero de cada un se non da ilusión, esforzo e constancia que poñamos para conseguilo. Por outra banda, quixemos deixar patente a dificultade coa que se atopan moitas mulleres para desenvolver carreiras científicas ou chegar a postos de relevancia nese ámbito.
 
Nun tempo de tanto cambio, con tanta tecnoloxía desenvolvéndose e tantas crises por solucionar, non nos podemos permitir prescindir da metade da poboación. So de maneira conxunta e dende o respecto poderemos afontar o futuro.
 
Esta é a liña de traballo do noso centro.